Estudio de la activación de mecanismos de muerte celular programada inducida por el uso de resveratrol en un modelo de artritis inducida por antígeno (AIA)

  1. Fernández Rodríguez, Jennifer Adriana
Dirixida por:
  1. María José López Armada Director

Universidade de defensa: Universidade da Coruña

Fecha de defensa: 01 de abril de 2022

Tribunal:
  1. Carmen Conde Muro Presidente/a
  2. Juan Antonio Fafián Labora Secretario/a
  3. Benjamín Fernández Gutiérrez Vogal

Tipo: Tese

Teseo: 714994 DIALNET lock_openRUC editor

Resumo

A artrite reumatoide (AR) é unha das enfermidades crónicas e inflamatorias máis comúns do sistema músculo-esquelético, capaz de producir danos articulares a longo prazo asociados a dor severa, discapacidade funcional progresiva e mesmo a morte precoz; ademáis dos elevados custos socioeconómicos que isto supón. Aínda que a AR mostra frecuentemente unha afectación sistémica, o seu principal obxectivo son as articulacións sinoviais. Así, a membrana sinovial hiperplásica é unha das súas principais características patolóxicas, e está asociada tanto coa infiltración e retención local de células inmunes inflamatorias como coa activación e proliferación excesiva de células residentes da sinovial. En relación co seu tratamento, os fármacos actuais presentan numerosas limitacións, razón pola cal, nos últimos anos, existe un auxe de interese no posible potencial terapéutico dos productos naturais fronte a esta enfermidade. Nesta liña, o presente traballo pretendeu afondar no efecto profiláctico dun composto de orixe natural, como é o resveratrol, na AR, empregando un modelo animal de artrite inducida por antíxeno en ratas (AIA). Para avaliar o efecto do resveratrol no estudo in vivo, éste administrouse por vía oral durante os dous meses previos á indución da artrite e continuándose ata o día do sacrificio, dous días despois da indución, correspondéndose coa fase aguda da enfermidade. En primeiro lugar, observouse como o tratamento con resveratrol foi capaz de contrarrestar os parámetros cardinais da patoloxía artrítica (proliferación da capa íntima, infiltrado celular inmune e celularidade) no tecido sinovial. Ademais disto, avaliouse como a posible implicación de dous dos mecanismos de morte celular máis relevantes, a morte celular de tipo I ou apoptose e/ou a morte celular de tipo II ou autofaxia, podería xogar un papel fundamental no control da proliferación celular excesiva do tecido sinovial da articulación artrítica. Para iso, analizouse mediante técnicas inmunohistoquímicas a expresión sinovial dos marcadores caspase-3 activa e do seu substrato PARP como intermediarios do proceso apoptótico e LC3, p62 e beclin-1 como mediadores do proceso autofáxico; amosando como o resveratrol é capaz de regular o equilibrio entre a autofaxia e a apoptose, dirixindoo cara a autofaxia e promovendo, máis concretamente, a vía non canónica da autofaxia. Así mesmo, cada vez hai máis evidencia de que un fallo na autofaxia podería modular a actividade inflamatoria, favorecendo así o desenvolvemento de múltiples enfermidades inflamatorias e autoinmunes, como a AR. Deste xeito, avaliouse mediante inmunoensaios a concentración sérica de tres importantes mediadores da inflamación a nivel sistémico e con gran relevancia clínica: interleucina (IL)-1β, prostaglandina (PG)E2 e a proteína C reactiva (PCR). Os resultados obtidos mostraron como aqueles animais aos que se lles administrou profilácticamente resveratrol tiñan niveis reducidos destes marcadores; Do mesmo xeito, ao realizar a análise de correlación entre os niveis destes e a expresión sinovial de p62, obtívose en todos os casos unha forte correlación positiva, evidenciando a importante relación que mantén a autofaxia co proceso inflamatorio. Finalmente, avaliouse a expresión sinovial do factor de transcrición p65-NF-κB, clave na regulación da inflamación, e tamén dos marcadores VEGF e Ang-1, implicados no proceso de anxioxénese, o que contribuíu a obter unha visión máis amplia das potenciais propiedades antiinflamatorias do resveratrol na patoloxía artrítica. Os nosos datos mostraron que o resveratrol regulaba á baixa os niveis de expresión de todas estas proteínas no tecido sinovial dos animais nos que se inducía a enfermidade artrítica e, así mesmo, os nosos resultados reflexaron a existencia dunha forte correlación positiva entre a expresión sinovial de p62 e o factor p65-NF-κB. En base a estes datos, podemos suxerir que a supresión da vía inflamatoria, como consecuencia da inhibición do factor de transcrición NF-ᴋB mediante a activación do proceso autofáxico, podería considerarse como unha estratexia terapéutica. A razón disto débese ao feito de que se inhiben multitude de mediadores inflamatorios que están implicados na súa vía de sinalización e que participan activamente nos diferentes eventos subxacentes á AR. Para concluír, os datos achegados neste traballo suxiren que a mellora do proceso autofáxico podería considerarse como unha potencial diana terapéutica no tratamento da AR e, así mesmo, apoia o uso de compostos de orixe natural, coma o resveratrol, como estratexia no tratamento desta enfermidade.